Verín volveu ser o punto de encontro para celebrar unha nova edición da Feira do Viño de Monterrei, unha cita que reúne ao sector e ao público arredor dunha programación que vai máis alá do propio viño. Nesta XIX edición, desde KTORCE acompañamos á D.O. Monterrei e ao Concello de Verín na produción do evento, encargándonos da coordinación dos espazos escénicos e da xestión loxística do sistema cashless.

A inauguración
A XIX Feira do Viño de Monterrei arrancou o venres cunha programación inaugural dividida en dous momentos. O primeiro tivo lugar na Parroquia de Verín, onde se celebrou o Acto dos Cofrades, presentado por Lara Salgado, durante o que se fixo entrega das medallas a Enrique Fernández, Jose Luis Mateo e Vicente Rodríguez. Desde KTORCE queremos felicitar aos tres homenaxeados por este recoñecemento.
A continuación, A Candaira encabezou o traslado dos presentes desde a parroquia ata o escenario principal na Praza García Barbón para o acto oficial de inauguración. A pregoeira, Antía Pérez, e o presidente da D.O. Monterrei, Manuel Vázquez, protagonizaron o brindis que deu por iniciada esta XIX edición.
Programación musical
A programación musical foi unha das partes centrais desta edición, con propostas que acompañaron as diferentes xornadas da Feira. Desde KTORCE encargámonos da produción e coordinación dos espazos escénicos, así como da hospitalidade e atención ás bandas durante a súa participación no evento.
A primeira noite contou coa actuación de SÉS, que abriu a programación musical da Feira. O sábado, Miriam Rodríguez tomou o relevo do escenario principal, mentres que Lucía Pérez foi a encargada de pechar os concertos o domingo.
Tres actuacións que achegaron diferentes propostas musicais e converteron á Praza García Barbón nun espazo de punto de encontro dediferentes públicos e gustos durante toda a fin de semana.

Sistema cashless
Encargámonos tamén da xestión loxística do sistema cashless, utilizado durante o evento para realizar as consumicións mediante pulseira.
Ao longo dos tres días supervisamos o funcionamento do sistema e presentamos apoio na súa operativa, garantindo que as persoas asistentes puidesen realizar as súas consumicións con normalidade.
Produción e coordinación
A produción dun evento destas dimensións require a coordinación de diferentes equipos e empresas. Nesta XIX edición, máis dunha decena de empresas traballamos man a man para facer posible a programación e os diferentes servizos que formaron parte do evento.
Desde KTORCE agradecemos á D.O. Monterrei, ao Concello de Verín e a todos os equipos implicados por contar connosco unha edición máis e por facernos parte dunha das citas máis importantes da comarca.
Unha nova edición coa que seguimos sumando experiencia na produción e coordinación de eventos e reforzando o noso compromiso con proxectos que contribúen a dinamizar a comarca.





