Volve a MICE do Museo do Pobo e KTORCE súmase ao equipo de comunicación

Do 10 ao 15 de marzo, Santiago de Compostela acolle unha nova edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, un dos festivais máis singulares do panorama audiovisual galego centrado no cinema etnográfico e na antropoloxía visual.

Tras máis de dúas décadas de traxectoria, a MICE inicia nesta edición unha nova etapa baixo a dirección do colectivo Memoria e Cinema, formado por Coral Piñeiro e Fran Rodríguez. O seu proxecto aposta por reforzar o festival como un espazo de creación e experimentación audiovisual, atendendo especialmente aos procesos de investigación, ás formas contemporáneas de rexistro do real e á relación entre cinema, memoria e territorio.

Dende KTORCE sumámonos a esta edición colaborando en diferentes tarefas vinculadas á comunicación do festival, traballando xunto a un equipo co que xa compartimos camiño noutros proxectos culturais. Un proceso colectivo no que a comunicación funciona tamén como ferramenta para ampliar públicos, contextualizar as obras e fortalecer o diálogo entre cinema, investigación e sociedade.

Un festival de referencia para o cinema etnográfico

A MICE consolidouse ao longo dos anos como un dos espazos máis relevantes para o cinema etnográfico contemporáneo, combinando exhibición cinematográfica, investigación e pensamento arredor da imaxe. Todo grazas a Ana Estévez, quen dirixiu a mostra ao longo destos anos converténdose ela mesma nunha referencia para o sector.

Nesta edición, o festival presenta unha retrospectiva dedicada á cineasta Maddi Barber, cuxa obra explora as relacións entre paisaxe, corpo e memoria a través de linguaxes cinematográficas híbridas. Ademais, inclúe un foco dedicado a Zinema Auzolanean, experiencia de cinema colectivo impulsada por Hiruki Filmak que propón novas formas de autorrepresentación e creación comunitaria.

A programación complétase con iniciativas centradas nos procesos de creación audiovisual, como a SONORA · Residencia de escoita, da que nace a peza inaugural Redeiras de A Guarda, o novo espazo de investigación Profanacións ou o taller intensivo de iniciación ao cinema en 16 mm, desenvolvido en colaboración coa ECAM.

Un espazo de encontro entre cinema, universidade e comunidade

A MICE mantén tamén unha forte vinculación co tecido universitario e cos cineclubes, promovendo espazos de encontro entre creadoras, estudantes e público.

Entre as actividades desta edición destacan as sesións organizadas xunto ao Cineclube da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, ao Festival Novos Cinemas e ao Cineclube de Compostela, reforzando o papel do festival como espazo de formación de públicos e circulación cultural.

Sección Galicia e Sección Internacional

As seccións competitivas continúan sendo un dos núcleos da programación do festival.

A Sección Galicia ofrece unha panorámica das múltiples direccións do cinema galego contemporáneo, con obras que exploran desde o ensaio audiovisual ata a animación ou o cinema sensorial. Pola súa banda, a Sección Internacional reúne títulos procedentes de diferentes contextos culturais que expanden as formas de observar e narrar o real desde unha perspectiva antropolóxica.

Un proxecto impulsado polo Museo do Pobo Galego

A 21 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está organizada polo Museo do Pobo Galego e conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia e Acción Cultural Española (AC/E).

Dende KTORCE estaremos traballando dende bambalinas nesta edición, sumándonos ao equipo de comunicación do festival e acompañando un proxecto que segue a consolidarse como un dos espazos máis interesantes para pensar o cinema, a memoria e o territorio dende Galicia.

Financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU

Copyright 2025 Ktorce | Todos los derechos reservados | Política de privacidade | Aviso legal | Accesibilidade