Desde KTORCE poñemos en marcha A Media do Camiño, unha nova proba deportiva que se celebrará o vindeiro 25 de outubro ao paso do Camiño de Santiago polo Val do Támega. Con saída e meta na Picota de Laza, a proposta combinará diferentes modalidades de participación e unha programación complementaria arredor do evento, coa que buscamos impulsar o turismo activo e poñer en valor o territorio a través do deporte.
Tres formas de vivilo
A Media do Camiño ofrecerá tres modalidades diferentes para participar na xornada:
- Media maratón de 21 quilómetros
- Carreira de 11 quilómetros
- Andaina non competitiva.
Con esta proposta buscamos que A Media do Camiño estea aberta aos diferentes perfís dos participantes e que cada persoa poida escoller a modalidade que mellor se adapte ás súas preferencias.
Un percorrido sinxelo para gozar do Camiño
Un dos aspectos que define A Media do Camiño é o seu trazado. Os percorridos combinarán terra e asfalto e discorrerán maioritariamente por pistas de fácil percorrido, cun perfil practicamente chan, o que permitirá manter un ritmo constante durante a proba.
Nas modalidades competitivas, a resistencia e a estratexia serán os principais desafíos deportivos. O percorrido está deseñado para que o protagonismo recaia tamén na contorna, permitindo aos participantes desfrutar do Camiño de Santiago e coñecer diferentes puntos do territorio.


Unha programación arredor do Camiño
A Media do Camiño non se limita á xornada deportiva. Estamos a preparar unha programación complementaria arredor do evento, con propostas que permitirán achegarse ao territorio desde outras perspectivas ao longo dos tres concellos.
Nas vindeiras semanas iremos dando a coñecer os detalles desta programación, que incluirá actividades previas á carreira e unha proposta de peche para a xornada do domingo. Así, a programación da Media do Camiño entenderase tamén fóra do propio percorrido deportivo e contará coa participación de diferentes axentes e espazos da comarca.
O deporte como forma de descubrir o territorio
Queremos que A Media do Camiño sirva para poñer en valor o patrimonio natural e cultural que rodea o Camiño de Santiago. Por iso, o proxecto incorpora unha filosofía baseada no respecto pola contorna e na promoción dunha maneira responsable de coñecer e desfrutar do territorio.
Coa proba buscamos contribuír á dinamización da comarca, atraendo a visitantes nunha época do ano con menos actividade turística e xerando oportunidades para a hostalaría, o comercio e os provedores locais.
Iniciamos un proxecto que busca consolidarse como unha cita deportiva de referencia na comarca, combinando deporte, patrimonio e territorio. A iniciativa conta co apoio da Axencia Galega de Turismo, a través das subvencións a proxectos de dinamización e promoción do Xacobeo 2027 dentro do programa O Teu Xacobeo, así como dos concellos de Laza, Monterrei e Castrelo do Val.
As inscricións xa están dispoñibles a través da web da Media do Camiño. Toda a información sobre a proba pode consultarse tamén nas súas redes sociais, @amediadocaminho.





