O festival volverá converterse nun mapa de sons, imaxes e experiencias que atravesa algúns dos seus espazos máis singulares. Teatros, igrexas, museos, salas, cinemas e espazos ao aire libre forman parte dunha edición pensada para percorrer a cidade e deixarse levar dun lugar a outro.
Dende KTORCE colabroamos na xestión da comunicación do evento, traballando na difusión da programación, da relación cos medios e do seguimento informativo dunha edición que incorpora estreas, novos traballos e propostas de diferentes disciplinas da creación contemporánea.
A programación de WOS esténdese polo Teatro Principal, a Igrexa da Universidade, a Fundación Eugenio Granell, Capitol, a Fundación Laboral da Construción, o Parque de Bonaval, o CGAC, a Sede Afundación e NUMAX.
O cartel reúne propostas como Ana Roxanne, Artur M. Puga & Sevi Iko Dømochevsky, Ben Vince, Blood of Aza, Demdike Stare, Eerie Enterprise, Grobas b2b Pumu, gyrofield, HHY & The Kampala Unit, Israa Shalaby, JASSS, Jokkoo Collective, Juli Deák mā tr, Lee Gamble, Midori Hirano, Mor Elian, Paul Jebanasam, Polygonia, Saya, Shackleton, SKY H1, Slikback, Tujiko Noriko, Visible, Friction, Space Afrika e Yu Su, entre outros.
Boa parte da programación inclúe sete estreas por primeira vez en España, unha estrea mundial e oito primeiras presentacións de novos traballos, consolidando a aposta do festival pola creación contemporánea e pola presentación de propostas inéditas.
A programación combina electrónica e experimentación, directos audiovisuais, club, cinema, sesións de escoita e encontros. O festival propón diferentes formas de percorrer a cidade e de achegarse aos seus contidos, sen unha única maneira de vivir WOS.
Entre as actividades paralelas, a Sede Afundación acollerá sesións de escoita arredor dun altofalante deseñado nos anos 70 polo compostelán Juan Portela Seijo, así como unha conversa entre Shawn Reynaldo e Demdike Stare sobre a traxectoria e a práctica do dúo de Manchester.
No CGAC terá lugar “First Floor: The Realities of Running an Independent Festival”, un encontro sobre a realidade da organización de festivais independentes con profesionais vinculados a Dekmantel, Electrónica en Abril, The White Hotel, The Black Lights, Lunchmeat Festival, Lovers & Lollypops e Tremor, moderado por Shawn Reynaldo.
A programación de NUMAX inclúe as proxeccións de Nova ’78 e Invisible People, esta última presentada polo seu director, Rodrigo Areias, e seguida dun encontro co público.
O festival tamén colaborará con El Muelle 1931 Shop, que acollerá 15 sesións gratuítas con DJs, selectores e coleccionistas vinculados á escena galega arredor da cultura do disco e da escoita compartida.
As actividades programadas neste espazo e outras propostas do festival completan unha edición que combina música, creación audiovisual, cinema, artes visuais e encontros en diferentes puntos de Santiago de Compostela.
WOS Festival x SON Estrella Galicia é un festival internacional de cultura contemporánea que se celebra anualmente en Santiago de Compostela. Ao longo de tres días reúne música, artes visuais, cinema, artes escénicas, experiencias inmersivas e propostas interdisciplinares.
Desde a súa creación, WOS consolidouse como un festival de referencia na creación contemporánea polo seu traballo curatorial e pola súa programación interdisciplinar. O evento foi recoñecido como Best Indoor Festival in Europe nos European Festival Awards e como Best National Indoor Festival nos Iberian Festival Awards.





