KTORCE súmase á recuperación da Carreira Pozo do Demo

O vindeiro 29 de marzo volverá celebrarse en Verín a Carreira Pozo do Demo, unha proba histórica do calendario deportivo local que regresa tras varios anos sen celebrarse. Desde KTORCE sumámonos a esta recuperación asumindo tarefas de comunicación e produción, acompañando ao Concello de Verín e á Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas nun esforzo conxunto por devolver ao territorio unha cita moi vencellada ao deporte popular e ao monte.

Nesta edición terá lugar a 8ª edición da carreira e a 14ª convocatoria da andaina popular, que se mantén como un dos piares do evento e unha das actividades deportivas máis participativas da comarca.

Un dos elementos simbólicos desta recuperación é o reencontro co monte un ano despois dos lumes, apostando polo deporte como forma de volver habitar o territorio desde o respecto, o coidado e o coñecemento do entorno natural. O Pozo do Demo, o Monte Maior ou a contorna do Balneario de Cabreiroá convértense así nun escenario para redescubrir o propio.

A proba contará con modalidades de andaina e trail, mantendo o seu carácter popular, accesible e pensado para todos os niveis. As inscricións da andaina poderán realizarse de maneira presencial en Multisport Verín. No caso do trails, as inscricións están dispoñibles en Sportmaniacs e a App de Saudeter.

O proxecto destaca tamén polo traballo coordinado entre administración pública, tecido asociativo e iniciativa privada. A Asociación Ruta das Augas, activa desde 2006, leva organizando a Andaina do Pozo do Demo desde 2011, reunindo cada ano arredor de medio milleiro de persoas, e sendo clave para manter vivo o vínculo da veciñanza co monte e cos camiños da contorna.

Desde KTORCE cremos especialmente neste tipo de proxectos nos que o deporte non é só competición, senón tamén comunidade, territorio e oportunidade para mirar a nosa contorna con outros ollos.

O 29 de marzo, volvemos ao monte.

Financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU

Copyright 2025 Ktorce | Todos los derechos reservados | Política de privacidade | Aviso legal | Accesibilidade