KTORCE no Culturgal: produción, rexidoría e apoio técnico nun dos grandes encontros da cultura galega

moitas personas xuntas posan en frente do pazo da cultura de pontevedra

En KTORCE estivemos presentes na última edición do Culturgal asumindo tarefas de rexidoría de dous escenarios e apoio de produción para todo o recinto, un traballo transversal que implica coordinación técnica, acompañamento artístico e capacidade de resposta nun evento de gran complexidade organizativa.

O Culturgal consolidouse nos últimos anos como un dos principais espazos de encontro da cultura galega contemporánea, reunindo nun mesmo recinto música, artes escénicas, literatura, audiovisual, pensamento, cultura dixital e programación familiar. A edición de 2025 pechou cun balance moi positivo, superando as 16.000 persoas asistentes e rexistrando momentos de alta afluencia en todos os escenarios e espazos do Pazo da Cultura de Pontevedra.

A programación destacou pola súa amplitude e diversidade, cunha aposta clara por atraer novos públicos e por poñer en diálogo disciplinas moi diferentes: concertos, teatro, circo, danza, ilustración, cine, banda deseñada ou videoxogo galego. Iniciativas consolidadas como a programación infantil, os espazos de creación contemporánea ou propostas participativas arredor do baile e a lectura reforzaron a idea de Culturgal como unha feira viva, pensada para ser habitada.

Ademais, esta edición marcou tamén unha liña de futuro: a vontade de expandir Culturgal a outros espazos da cidade en vindeiras edicións, levando a programación cultural a lugares que non sempre teñen acceso habitual a este tipo de propostas. Un enfoque que conecta directamente coa idea de cultura como servizo público, accesible e próximo.

A nosa participación no Culturgal foi posible grazas á confianza de MADA Producións, á que agradecemos contar con KTORCE para formar parte dun equipo de produción amplo e experimentado. Traballar nun contexto como este permítenos seguir afondando no noso xeito de entender a produción cultural: rigor técnico, coordinación eficiente e acompañamento real aos proxectos e ás persoas que os fan posibles.

Porque producir cultura tamén é crear as condicións para que todo funcione. E aí é onde nos sentimos cómodos.

Financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU

Copyright 2025 Ktorce | Todos los derechos reservados | Política de privacidade | Aviso legal | Accesibilidade