AEVER celebra a súa Gala de Nadal da man de KTORCE

Moitos nenos sentados no chan dun pavillón riense e sorprendense

A Gala de Nadal organizada por AEVER é unha das citas culturais máis consolidadas do calendario de Verín. Un evento pensado para público familiar que combina humor, música e circo, e que cada edición converte o Pavillón Deportivo de Verín nun espazo de encontro colectivo arredor da cultura, o lecer compartido e o apoio ao comercio local.

Desde KTORCE formamos parte activa deste proxecto asumindo tarefas de produción, programación e apoio á comunicación, acompañando á asociación empresarial nun modelo de evento que entende a cultura como ferramenta de dinamización social e económica do territorio.

Un modelo de acceso ligado ao comercio de proximidade

A entrada á Gala é gratuíta, pero vinculada ás compras realizadas nos establecementos asociados a AEVER. Un sistema sinxelo e directo que reforza a relación entre cultura e economía local: asistir ao espectáculo convértese tamén nun xesto de apoio ao tecido comercial da vila.

Este enfoque permite visibilizar o papel do comercio de proximidade como motor da vida diaria de Verín, integrando a celebración cultural nunha estratexia máis ampla de dinamización urbana e participación cidadá.

Humor, música e participación: Saaabor de Nadal!

O eixo central da programación é o espectáculo Saaabor de Nadal!, protagonizado por Fran Rei e Félix Rodríguez, unha produción de Culturactiva Producións.

A proposta, dirixida por Avelino González e coa escenografía do recoñecido Kukas, constrúe unha peza chea de ritmo, maxia e humor a partir da metáfora gastronómica. Dous cociñeiros moi particulares elaboran un “menú escénico” no que conviven cancións populares, referencias clásicas e xogos coa participación do público.

Máis alá do entretemento, o espectáculo introduce mensaxes claras sobre consumo responsable, alimentación saudable e apoio ao comercio da contorna, sempre dende un ton accesible e festivo.

Unha tarde pensada para toda a familia

A Gala complétase con actuacións que reforzan o seu carácter diverso e interxeracional:

  • Paco Nogueiras, unha das figuras máis recoñecidas da música infantil galega, achega un directo enérxico no que canción, humor e xogo se mesturan sen pausas. Cunha ampla traxectoria e dous Premios Martín Códax da Música, converte cada actuación nun espazo de celebración compartida entre cativada e persoas adultas.
  • Zirko Txosko suma á programación unha proposta de circo contemporáneo baseada na técnica, o risco real e a comicidade. Acrobacias, equilibrios e participación do público constrúen un número dinámico e sorprendente, froito dunha traxectoria internacional en escolas e compañías de Europa e América Latina.

Cultura e compromiso social

A dimensión comunitaria da Gala reflíctese tamén na presenza do colectivo Miquiños, que instala stands informativos no recinto. A través deste espazo, a asociación dá a coñecer o seu labor de protección animal e sensibilización, implicando á cativada e ás familias asistentes e recadando fondos para continuar cos seus proxectos sociais.

Un evento que fai vila

A través desta programación, AEVER consolida a Gala de Nadal como un punto de encontro cultural e comercial, reforzando a idea de Verín como Centro Comercial Urbano activo, vivo e conectado coa súa xente.

Desde KTORCE seguimos apostando por proxectos que entenden a produción cultural como un traballo colectivo, en diálogo co territorio e coas persoas que o sosteñen a diario.

Porque cando cultura, comercio e comunidade camiñan xuntas, as cousas pasan.

Financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU

Copyright 2025 Ktorce | Todos los derechos reservados | Política de privacidade | Aviso legal | Accesibilidade