Arrancamos este ano cun novo proxecto deportivo: a Aurum Terrae · Liga OCR Deputación de Ourense. Como sabedes, dende KTORCE levamos xa tempo traballando coa Revolta Irmandiña, unha carreira que nos permitiu medrar dende dentro do mundo OCR e entender o que implica organizar, comunicar e coidar un evento deportivo dende o territorio.
A través dese camiño pasamos a formar parte da Liga, da que asumimos a comunicación e parte da produción, traballando man a man cos equipos da Cavernícola Race e da Uros Race, sumando esforzos para construír un proxecto común que vai máis alá dunha soa proba e que busca reforzar o deporte, a colaboración e a visibilidade das carreiras de obstáculos na provincia.
A primeira edición da Liga OCR Deputación de Ourense desenvolverase ao longo de tres citas: Cavernícola Race, o 9 de maio en Barbadás; A Revolta Irmandiña, o 14 de xuño en Verín–Monterrei; e Uros Race, o 13 de setembro en Toén. As inscricións están xa dispoñibles nas plataformas oficiais de cada carreira.
Para formar parte da Liga, cada atleta deberá inscribirse de maneira individual nas tres probas, na categoría correspondente, e marcar a opción habilitada para participar na clasificación xeral durante o proceso de inscrición. A participación na Liga será gratuíta.
Aurum Terrae · Liga OCR Deputación de Ourense nace coa vontade de fomentar estilos de vida activos e saudables, entendendo o deporte non só desde a competición, senón como unha práctica social, accesible e motivadora. As carreiras de obstáculos ofrecen unha experiencia que pode compartirse con amizades, grupos ou familias, adaptándose a diferentes idades, niveis e capacidades, e converténdose nun plan atractivo para quen busca iniciarse no deporte ou manter unha rutina de adestramento non profesional.
A través desta liga, apóstase por animar á poboación a saír ao espazo público, ocupar a rúa e a natureza desde o deporte e integrar a actividade física como parte da vida cotiá.
A Aurum Terrae contará cun sistema de premios concibido como unha ferramenta de promoción turística e deportiva da provincia. Os recoñecementos estarán vinculados a experiencias no propio territorio —aloxamento, benestar, deporte e lecer— co obxectivo de fomentar unha segunda visita á contorna por parte das persoas participantes e das súas acompañantes. A iniciativa aposta así por aproveitar os recursos naturais, patrimoniais e deportivos de Ourense, convertendo a competición nun motor de retorno e nunha oportunidade para descubrir a provincia máis alá do día da carreira.
Desde Ktorce sentimos orgullo de contribuír a facer posible esta iniciativa. Animádevos a participar! Inscricións abertas aqui.





